luns, 4 de xuño de 2018

Obradoiro de aventura e fotografía na serra do Courel

Froito da colaboración entre ASAC-Galicia e AGAES, propoñemos este obradoiro de aventura e fotografía dirixido e impartido por Fuco Reyes, licenciado en Psicoloxía e Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. Como profesional da fotografía, vén sendo un dos referentes actuais máis salientables.
Para máis información e data límite de inscrición: 12 de xuño no seguinte enderezo:

362 aspirantes para conformar a 12ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2018

Un total de 362 estudantes de toda Galicia nacidos en 2005 e 2006 participaron este sábado 2 de xuño na USC nas probas de selección dos 25 estudantes que formarán parte da 12ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. 

Os participantes foron 148 rapazas e 214 rapaces, o que supón un incremento da participación das mozas dun 6,8% respecto do pasado curso. Proceden de 72 localidades galegas diferentes, na súa maioría das provincias da Coruña (220) e Pontevedra (119), seguidas das de Lugo (9) e Ourense (14), tanto do ensino público (256) como do privado (106). Con este número de inscritos ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos cinco últimos anos. Son así xa máis de 3.500 as e os estudantes que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade nos últimos doce anos para facer a proba de selección. Con esta promoción sumarán un total de 300 mozas e mozos seleccionados para participar no programa de talentos matemáticos.